22 jul 2009

Es complicado...


De cote atópome, inutilmente, tentando pensar en como terían sido as miñas lembranzas coa ausencia desdes exactos intres descompostos en frases de xiz e anacos de tempo... Cómo sería a miña curta historia coa ausencia das túas cicatrices. E sorpréndome negando a posibilidade de que estas feridas me abandonen tamén. Sendo incapaz de deixalas desaparecer contigo sen ser botadas de menos, incitándome irresistiblemente a revivilas con cada unha das palabras que ocupan esas paredes inestables que agardan seren pronunciadas antes do derrubamento.

Así que cada busca na memoria supón un novo encontro coas nosas lembranzas, e é a partir deses momentos cando sigo coa elaboración case inconsciente do noso vocabulario. Un vocabulario que nace da recompilación de accións, sensacións e conversas que compartimos... da suma de todos os compoñentes da miña experiencia sentimental: uns cantos dos meus desexos, todas as miñas frustracións, esa rabia que me produces e a dor que me deixas.

Trátase dun acto de desafogo emocional que se move entre a inocencia e a culpa de non saber por qué marchaches; dunha reconstrucción frenética dos feitos, que dende a túa ausencia se magnifican e se desligan cada vez máis do que realmente aconteceu, para formar parte dun recordo reinventado á medida das miñas necesidades.

1 comentario:

  1. Non sei moito do amor nin desas cousas, pero coa pouca experiencia que teño podo dicir que o amor é dunha natureza contradictoria! Dor e pracer van da man asi como outras tantas cousas como o egoismo e o desinterese...

    ResponderEliminar